Coa man esquerda – Xabier Quiroga – Reseña en galego

Índice



Como fomos dicindo, iremos intercalando lecturas tanto en español como noutras linguas. Hoxe temos o pracer de compartir con todos vós a reseña da novela de Xabier Quiroga.


Coa man esquerda - Xabier Quiroga - Reseña en galego
  • Título: Coa man esquerda
  • Autor: Xabier Quiroga
  • Editorial: Xerais
  • Formato: Papel
  • Nº de páxinas: 199
  • Xénero literario: Drama baseado nun feito real
  • Data publicación: Abril 2023

Biografía do autor:

Coa man esquerda - Xabier Quiroga - Reseña en galego

Xabier Quiroga, que prefire non divulgar datos biográficos e que segue a considerar que «na literatura importa a obra en si e non a montaxe que se argalla arredor dela», deuse a coñecer con «Atuado na braña» (Xerais, 2002), novela longa que recibiu unha calorosa acollida da crítica (Premio Losada Diéguez 2002, Finalista do Premio Arcebispo San Clemente 2002 e do Premio Novela Europea Casino de Santiago 2002). A seguir entregou unha pequena alfaia literaria, «Era por setembro» (Xerais, 2004), novela de formato máis breve que seduciu pola «emoción que destila no recanto de cada páxina».

Volveu tras os pasos da súa primeira novela en «Se buscabas un deus» (Xerais, 2006), unha reflexión sobre o futuro que nos agarda. As súas seguintes achegas consolidárono como un autor de referencia nas letras galegas: «O Cabo do Mundo» (Xerais, 2009) e «Zapatillas rotas» (Xerais, 2014) outorgáronlle os Premios da Crítica de 2010 e de 2015, respectivamente; e a sorprendente «Izan o da saca» (Xerais, 2015) recibiu o Premio Arcebispo San Clemente 2016 e mais o favor do público lector. Con «O baile dos estorniños» (Xerais, 2021), que ten en común con «O Cabo do Mundo» e «Izan o da saca» a investigación histórica e a presenza do personaxe Reina, culminou a súa Triloxía da Ribeira Sacra. A súa novela máis recente é «Coa man esquerda» (Xerais, 2023).


Sinopse:

En Lisboa, fronte á foz do Texo, un escritor retirado recibe un sobre que contén unha nota e un cartafol cheo de follas atropeladamente manuscritas. Nelas, un vello moribundo que moraba nunha residencia de anciáns asolada pola pandemia conta os desacougantes sucesos que viviu sendo neno na súa casa afastada da aldea e que o marcaron para sempre. Esa especie de confesión ou legado do vello servirá para, ademais de liberarse dun pesado lastre, descubrir un segredo que o escritor non sabía de si mesmo. 
Empregando un estilo moi libre e sedutor, volve Xabier Quiroga cunha alfaia literaria baseada nun feito real. Faino cun ritmo que deixa pouco espazo para tomar alento e da man dun narrador sometido aos ditados da memoria. O lector verase introducido de forma inevitable na atmosfera abafante dun lugar inhóspito e a mercé das mesmas relacións que envolven o personaxe do neno. Unha historia dura e tenra á vez, e finalmente estarrecedora, que nos achega á eterna vileza do ser humano.


Persoaxes principais:

Coa man esquerda - Xabier Quiroga - Reseña en galego

🔘 O neno

🟠 Pá vello

🔵 Pai

🔴 Mai

🟡 A Muller

🟢 O señor


Reseña/opinión persoal:

É boa, moi boa esta novela de Xabier Quiroga. 

Non podo comezar doutro xeito a reseña deste relato abraiante e ben distinto da literatura que eu ata agora lera na miña lingua. 

Do primeiro que vou falar, é do tipo de narrativa que o autor usa na obra e que a min me custou facerme nas primeiras páxinas, pero que xa despois me namorou , xa que lle deu autenticidade a toda a escrita. 

Toda a historia cóntase en letras minúsculas e con escasa puntuación, mesmamente refírese ás persoas e aos lugares sen o uso dos nomes propios.

 Isto chamoume a atención como xa dixen, pero de seguido méteste na trama e esqueces a gramática que se usa, pois pasas a formar parte da atmosfera creada para que te deixes levar e te sitúes en calquera das aldeas da nosa contorna nos anos da guerra civil e posterior a ela tamén. 

Soubo levarme o autor desde logo, e deixeime ires tamén ao noso rural, aos recunchos máis afastados, no decotío xa derrubados, e noutrora vivendas e alpendres cos valados de pedra e lique albiscando a súa beleza. Teitos caídos e trades que xa non se manteñen en pe… ¡cantos segredos agochan! 

¿Que vidas as moraban? 

A familia do neno podería ser unha desas vidas, que si pechas os ollos séntelas, e che contan a súa historia. 

Historia de labregos pobres, moi pobres, traballadores arreo, de facianas curtidas e engurradas polo tempo, polas penurias da época que lles tocou vivir sabendo que non haberá mellora posible.

Reseña

De fondo toca o tema dos escapados, dos roxos que tiveron que ir na procura de agochos, de buracas, para non ser collidos polos “paxaros azuis”, sempre vivindo co medo de que alguén os denunciara, aínda que fora por unha codia de pan ou unha cociña de ferro, a miseria era tal, que o frío e a fame non facían amizades. 

Con ese mesmo medo vivían os que os axudaban e si o facían a cambio de algo que non fora a humanidade o familiaridade, non era por outra cousa, que para mellorar as súas vidas miserentas. 

Pero iso como digo queda nun segundo plano, para darlle á trama principal o protagonismo, que non é outro ca vida do neno e os acontecementos e feitos que lle tocaron vivir nesa época. 

O neno é unha persoa triste, acosado na escola polo seu analfabetismo e acosado tamén polo señorito da aldea. Cacique moi ben configurado polo autor, personaxe construído segundo se cadraba nesa época aos abusóns consentidos de poder sobre o resto da veciñanza.

Así a todo, o neno tamén conta cun pequeno segredo que o mantén con esperanza, unha pequena ilusión con alguén que o está a axudar a sobrevivir… unha man amiga chea de agarimo… 

Nesta novela dura, atoparás rancores, odios, tristuras, abusos e pederastia, pero tamén moita tenrura, da que conmove e che fai soltar algunha bágoa.

Os pequenos segredos que gardan cada un dos personaxes e a relación que teñen todos entre si, os descubriras ao longo das páxinas e por suposto no remate saberás que ten que ver todo isto coa sinopse que nos fala dun escritor retirado que vive na Lisboa. 

Xa digo que seguro che vai gustar, e é moi probable que a vindeira vez que visites algunha aldea abandonada e esquecida desta terra, poida que te lembres desta historia baseada en feitos reais, que nos conta Xabier Quiroga con tanta destreza, e te lembres do neno, un de tantos… 

“ imos comezar coas minúsculas, dixo ela, se che parece. 

E eu non lembro se asentín ou non porque daquela non sabía moi ben de que me falaba. 

Así foi como comezamos.”


Puntuación:

🖊Doulle un 5.

Carmen S. A.

Reseña
Reseñas

Outras novelas do autor:




Reseñas/opiniones personales

Esperamos que vos gustara a reseña e non vos esquezades de compartir a entrada nas vosas redes sociais y deixar un comentario.

Aquí podes ver outras reseñas do noso blog: 📌

Se eres escritor/a e desexas que leamos algunha das túas obras só tes que deixarnos un comentario ou enviarnos un correo electrónico.

Soamente unha vez - José Mondelo - Reseña
Reseñas 😀


Deja un comentario