Índice
Como fomos dicindo, iremos intercalando lecturas tanto en español como noutras linguas. Hoxe temos o pracer de compartir con todos vós a reseña da novela de Álex Alonso «Granito«.

Datos bibliográficos:
- Título: Granito
- Autor: Álex Alonso
- Editorial: Xerais
- Formato: Papel
- Nº de páxinas: 563
- Xénero literario: ficción, baseada nun crime real
- Data publicación: octubre 2020
Biografía do autor:

Álex Alonso (Vigo, 1968) é licenciado en Filoloxía Galega e Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade traballa como tradutor intérprete da Administración de Xustiza na Audiencia Provincial de Pontevedra. En 2003 recibiu a mención especial do xurado do XII Certame Manuel Murguía de narracións breves pola obra «Estremonías»; en 2010 gañou o VI Certame de relatos de muller Matilde Bares por «Xénero imperfecto» e en 2016 resultou gañador do Premio de narrativa curta Ánxel Fole con «Tempos de bebidas isotónicas e fast-food» (Xerais). A novela «Granito» (Xerais 2020) logrou ex aequo o Premio Torrente Ballester.
Sinopse:
Baseada no famoso crime de Nigrán acontecido en xaneiro de 1994, esta novela de Álex Alonso, galardoada co Premio Torrente Ballester, reconstrúe con pericia os acontecementos durante os cales dous policías asasinaron catro persoas da familia dun coñecido empresario do granito no seu chalé tras un intento de extorsión. Fronte ao concepto de novela de non ficción, tan vencellada ao escritor Truman Capote en «A sangue frío», Álex Alonso aposta aquí pola ficción, iso si, elaborada a partir dun enorme traballo de documentación xornalística. «Granito» conta o salto ao baleiro de dous seres que xa levaban o fracaso marcado nas súas costas, nunha acción completamente improvisada, sen reflexión nin preparación previas: a acción case suicida de dous policías que non tiñan nada que perder. Ao mesmo tempo, a novela convértese nunha crónica sentimental, case documental, dos anos noventa en Galicia. En «Granito» Álex Alonso racha cunha convención nunca cuestionada na ficción galega ao reproducir no propio diálogo dos personaxes a nosa realidade sociolingüística. Unha novela trepidante, intensa e reveladora.

Personaxes principais:
🔘 Familia Fente Santomé
🔵 Louredo, policía
🟢 Vila, ex policía
🔴 Sabela, traballadora doméstica
🟡 TC, xornalista
🟤 Pulpeiro, xornalista
Lugar onde se desenvolve a historia:
En Nigrán e Vigo, Galicia.
Reseña/opinión persoal:
Chamoume moito a atención cando comezei ler esta novela en galego o uso do seseo e a gheada na escrita, que o autor usa nalgún dos seus diálogos. Igualmente tamén mestura o castelán como a lingúa dalgún dos personaxes, e como dixen ao comezo, abraioume un chisco nas primeiras páxinas, por que logo, xa estás metida de cheo na realidade lingüística do noso país e da propia trama que precisamente require que así sexa.Moi acertado pois este uso.
Fóra dese aspecto lingüístico, despois de leres a sipnose, direi que non é doado ler una novela sobre un suceso real acontecido, do cal xa sabes como vai rematar. No meu caso, fíxoo máis atrainte, pois tiña moita curiosidade por saber como se tecera toda a trama e como eran os personaxes implicados. As súas vidas, as circunstancias, as personalidades de cada un deles…
Descoñezo si o autor para súa documentación chegou coñecer aos asasinos ou sobrevivintes daquel tráxico suceso, pero dende logo que creou uns perfís de todos os personaxes moi cribles.
Álex Alonso gustoume moito a túa novela. Toda ela.

Para os asesinos, consigues que se nos abafen na gorxa, xa non só polo crime cometido, senón tamén no seu decotío de excesos, abusos, maltrato, prostitución , extorsión… Teñen todos os ingredintes para que te revolvan.
Para as vítimas, fas un retrato de familia de boa posición guiada por un pai empresario, traballador con iniciativas comerciais e cun sentido de continuidade laboral para os seus fillos, aínda que estes con tres personalidades ben distintas vexan a vida e o seu futuro doutro xeito.
Para a cidade de Vigo e para os lectores da miña quinta fas un traballo fantástico. Nos deleitas con percorridos polas zonas de bares, restaurantes e locais de ocio dos anos 90, que eu persoalmente nesa parte do libro, rexuvenecín, lugares que xa nin lembraba.
Nos fala dun Vigo que trinta anos atrás andaba na procura da modernidade e da evolución, con proxectos urbanísticos que hoxe son realidade, aínda que non para todos os gustos por suposto, pero ti os mesturas na túa novela moi acertadamente.
Nos devolveches un suceso acontecido na nosa contorna que nos puxo os pelos de punta cando así aconteceu, e soubeches moi ben darlle esa ficción ao seu arredor para que a novela fose tan crible como o foi a realidade.
Recoméndoa, e non soamente para os lectores en lingua galega, senón tamén para calquera persoa que lle apeteza experimentar ler un libro na miña lingua, pois pense que «Granito» pode ser unha boa opción.
Xa me contaredes 😀
Puntuación:
🖊Doulle un 5.
Carmen S. A.

As súas obras:

Esperamos que vos gustara a reseña e non vos esquezades de compartir a entrada nas vosas redes sociais y deixar un comentario.
Aquí podes ver outras reseñas do noso blog: 📌
Se eres escritor/a e desexas que leamos algunha das túas obras só tes que deixarnos un comentario ou enviarnos un correo electrónico.
